Festigal TV
 
 
Carteis dos festivais de Cans e Filminho

O FESTIGAL proxectará obras dos festivais de Cans e Filminho
   
Novas

O FESTIGAL proxectará obras dos festivais de Cans e Filminho (20-07-2010)

Carteis dos festivais de Cans e FilminhoDentro do espazo CAFÉ-CONCERTO, no FESTIGAL proxectaranse as curtas premiadas no último Festival de Cans.

Ademais, poderanse ver 5 das obras que concorreron ao Fiminho, Festival de Cinema Galego e Portugués que se celebrará do 19 ao 26 de setembro en Vila Nova da Cerveira (Portugal) e Tomiño (Galiza).

Entre as premiadas en Cans destacan A NENA QUE TIÑA UNHA SOA ORELLA, de Álvaro León, Premio do xurado á mellor curta de animación, ou INSTALACIÓN, de Xosé Díaz, Premio do público á mellor curta de ficción. Poderanse ver tamén os videoclips galardoados.

Filminho presentará, entre outras, as portuguesas DEUS NÃO QUIS, de António Ferreira, e ARCA D’ÁGUA, de André Gil Mata, e a galega BERBERECHO II de Xosé Manuel Bazarra Maneiro.Todos as proxeccións serán gratis e estarán abertos ao público.

Susana Seivane, Galegoz e a banda francesa Santa Macairo Orkestar destacan na programación musical desta novena edición do Festigal. Sechu Sende, Rosa Aneiros, Marilar Aleixandre e Teresa Moure asinarán as súas últimas obras na Galería das Letras.

Festival Filminho >>
Festival de Cans >>  
# Enlace permanente a esta nova



Jazz, Rock e Bossa nova no CAFÉ CONCERTO (17-07-2010)

Actuación no no CAFÉ CONCERTO do FestigalDentro do espazo CAFÉ-CONCERTO, o FESTIGAL 2010 acollerá algunha das tendencias máis novidosas xurdidas dos novos talentos da música galega.

Así, o sábado 24, a partir das 18:30 horas actuará LITANEI , un dúo que experimenta coa música de raíz con aportacións da linguaxe do jazz e da música clásica. A seguir, tocará SNATCH, un cuarteto de Santiago que se define pola súa diversidade de estilos dentro do amplo abano da música negra (reggae, soul, funk...).

O domingo ás 18:00h será a quenda de Hector Lorenzo & Álvaro Vieito, un dúo que mestura os ritmos da bossa nova co jazz vocal. Alejandro Vargas Trio, un grupo cubano liderado por Alejandro Vargas, un dos pianistas, compositores e intérpretes de jazz máis sobresaíntes da nova xeración de jazz cubanos , tocarán entre 20:00h e 21:00h da tarde.

DJ Marcelo pechará as sesións os dous días coas súas noites do Brasil.

Todos os concertos serán gratis e estarán abertos ao público. No Campus Sur de Santiago de Compostela o 24 e 25 de xullo.

Susana Seivane, Galegoz e a banda francesa Santa Macairo Orkestar destacan na programación musical desta novena edición do Festigal. Sechu Sende, Rosa Aneiros, Marilar Aleixandre e Teresa Moure asinarán as súas últimas obras na Galería das Letras.

+ sobre o Café Concerto >>  
# Enlace permanente a esta nova



SUSANA SEIVANE: “A MÚSICA GALEGA É UNHA FORMA DE REIVINDICAR O TEU” (14-07-2010)
Entrevista á gaiteira

Susana SeivaneMoza emprendedora, cun selo discográfico propio, comprometida coa música de Galiza, Susana Seivane (Barcelona, 1976) vén presentar no Festigal o seu último traballo, "Os soños que volven". “O nacionalismo é o sentimento de pertenza e querencia á túa nación”, afirma nesta entrevista.

Cales son os soños de Susana Seivane?

Os soños musicais que quería que volveran son melodías que, por unha razón ou outra, foron representativas para min ao longo da miña vida, é dicir, dende que comecei a tocar a gaita aos tres anos até hoxe. Cando empecei a seleccionar os temas que podían ser, xunteime cuns 200, polo que a criba foi importante. Quería darlle un aire novo a eses soños, darlle os meus colores, revestilos dun son contemporáneo e moderno.

Susana Seivane foi galardoada co premio Xarmenta pola defensa e utilización da lingua galega na súa creación artística. Está afinado o idioma galego?

Cando me outorgaron ese premio, dixen ao recollelo que estaba encantada de recibilo, pero que non sabía que á xente se lle daba premios por falar en galego. Que eu o facía porque, aínda que me criei en Barcelona e polos meus avós maternos que son andaluces, fun educada así e porque me sinto profundamente fachendosa das miñas raíces. É unha maneira de vivir, de sentir, de querer expresarse, de compromiso e de orgullo.

Hai vinculación entre música e nacionalismo?

Eu creo que dalgunha maneira si. O nacionalismo é o sentimento de pertenza e querencia á túa nación. A música galega en si é unha forma de reivindicar o teu, de sentirte orgullosa da túa identidade como galega e de poder transmitir ese sentimento teu a todo o que queira escoitarte e sinta o mesmo cá ti. Facer música en galego para min é algo natural e lóxico. Algunha xente me pregunta: e por que non cantas algunha canción en inglés nos teus discos? por iso de chegar a máis xente... A miña resposta é simple: porque non son inglesa, porque facer iso, sería unha incongruencia, eu exprésome no idioma da música que fago. Pero tamén é un erro que simplemente por facer este tipo de música che poñan unha etiqueta política, a que sexa, porque hai moita xente que fai música galega e que ten ideas políticas moi dispares. Non sei, nalgúns casos é unha forma de reivindicarse e noutros non, é simplemente facer a música que che gusta.

Dicía Castelao que para tocar a gaita cómpren máis folgos que para tocar a guitarra. En que clave está a música tradicional galega na actualidade?

Canta razón tiña Castelao en moitas cousas! Certo é que fan falla máis folgos para a gaita que para a guitarra! Musicalmente, estamos a vivir un excelente momento, xorden grupos e máis grupos cada día que están facendo cousas realmente interesantes. Os grupos galegos cando imos ao estranxeiro deixamos sempre o pavillón ben alto, a nosa música é recoñecida e admirada dunha maneira alucinante. No caso da música tradicional, cada vez hai máis asociacións culturais, escolas, conservatorios, pero quizais non teñan aínda o apoio suficiente por parte das institucións para seguir ensinando aos nosos pequenos as nosas raíces musicais e culturais e facer unha grande industria neste sector, como acontece cos nosos veciños os irlandeses. Pero é de admirar a quen loita por isto, que cos cartos que van conseguindo de aquí e de acolá, fagan auténticos esforzos por manter vivas as nosas tradicións.

"A mellor festa galega ten que lucir un gaiteiro, se ten gaita e mocidade, non se precisa diñeiro". Hai apoio suficiente das administracións para fomentar a contratación de grupos que fan música galega en romarías, verbenas e festivais?

Hoxe en día si que se precisa diñeiro, porque antes o gaiteiro das festas tiña o seu traballo e logo ía tocar ás romarías, pero hoxe en día, hai xente que vivimos disto exclusivamente e tamén temos o costume de comer todos os días. E digo isto, porque hai xente que se pensa que isto é o noso "hobbie", pero non, é a nosa paixón, e temos a sorte de que tamén sexa o noso traballo. Así que, si que fan falla os cartos e non hai suficiente apoio das administracións, debería de haber moitísimo máis. Por exemplo, nun ano Xacobeo coma este, cantos concertos de músicos galegos se van facer? Cantos, en cambio, se van facer de músicos de fóra?

Coa súa música transmite o legado cultural, mais tamén introduce novos elementos orixinais que dotan os seus espectáculos de innovación. Con que nos vai sorprender no Festigal?

A verdade é que estamos facendo moi bos directos, a banda está soando espectacular dende hai moitos anos, facendo concertos de moita calidade, moita frescura, dinámica e con moita participación do público, o que fai que todo sexa máis divertido. O certo é que enriba do escenario pasámolo en grande, e iso nótase á hora de transmitirllo ao público. Teño moita ilusión por estar este ano no Festigal, é a miña primeira vez neste festival de gran referencia no noso país, así que estou moi contenta por iso. Faremos unha viaxe polos catro discos que levo editados pero centrándonos moito máis no que presentaremos, o último, "Os soños que volven". Alí estarei coa miña banda, coa que, ao longo de 11 anos de profesión, xa temos formado unha pequena familia: Brais Maceiras no acordeón, Xurxo Iglesias no bouzouki, Carlos Gándara na batería e no bombo tradicional, Carlos Freire nas percusións latinas e no tamboril tradicional, Iago Rodríguez no baixo eléctrico e Begoña Riobó no violín e zanfona. Quizais haxa algunha sorpresa tamén... Vémonos o Día da Patria!

# Enlace permanente a esta nova



As principais novidades en galego na Galería das Letras do Festigal (09-07-2010)
Sechu Sende, Rosa Aneiros e Teresa Moure asinarán as súas últimas obras

Portadas dos libros da Galería das LetrasA carpa da Galería das Letras do FESTIGAL acollerá o 24 e o 25 de xullo a presentación das principais novidades e proxectos literarios en galego. Sechu Sende, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Pepe Cáccamo e Marilar Aleixandre, entre outros, falarán e asinarán exemplares das súas últimas obras.

Salienta tamén a presentación dos libros “En castellano no hay problema”, de Carlos Callón; “Lingua e futuro”, unha obra coordinada por Goretti Sanmartín ou “O Clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo”, de Pilar García Negro.

Tamén é de subliñar a presentación do proxecto LIQUILI, un portal galego de literatura infantil, ou o recital de poemas de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro.

Todos os actos estarán abertos ao público.

Consulta toda a programación da Galería das Letras do Festigal >>

# Enlace permanente a esta nova



ASÍ SERÁ O FESTIGAL 2010 (08-07-2010)

Festigal 2010Dende o FESTIGAL TV, a nosa canle en YouTube, ofrecémosche un avance promocional do que será esta edición do Festigal.

Un pequeno avanzo de como será o Festigal de 2010 >>

# Enlace permanente a esta nova



ZONA DE ACAMPADA (08-07-2010)

Zona de acampadaPara instalar as tendas hai que dirixirse á
oficina de información na entrada do Campus.

Poderase acampar dende o
sábado 24 a partir das 11 da mañá.

# Enlace permanente a esta nova



O FILMINHO NO FESTIGAL (05-07-2010)

Logotipo Festival FilminhoFilminho, o Festival de Cinema galego e portugués estará presente no Café-Concerto do Festigal 2010 cos filmes:

DEUS NÃO QUIS:
António Ferreira. Portugal 15’

CORRENTE.:
Rodrigo Areias. Portugal 15’

BERBERECHO II:
José Manuel Bazarra Maneiro. Galiza 22'

ARCA D’ÁGUA:
André Gil Mata. Portugal 23’

ANTES de AMANHÃ:
Gonçalo Galvão Teles. Portugal 15’



O festival Filminho terá lugar do 19 a 26 de setembro de 2010 en Vila Nova de Cerveira e Tomiño.

Festival Filminho >>  
# Enlace permanente a esta nova



O concerto dos franceses “Santa Macairo Orkestar” no Festigal será a única oportunidade para velos este verán na Península Ibérica (18-06-2010)

Santa Macairo OrkestarA banda francesa Santa Macairo Orkestar actuará o venres, 24 de xullo, no Festigal, no que será o seu único concerto previsto para este verán no Estado español e Portugal. Unha oportunidade única de gozar da música desta banda do País do Loira –a rexión dos castelos encantados- que presentará o seu terceiro disco Papararazaï.

Aires balcánicos, frescura, e sobre todo moita enerxía e festa é a que traerán a Santiago de Compostela a música destes catros irmáns musicais (Mario Godillo, Esteban Godillo, Emilio Godillo, Bernardo Godillo e Giuseppe Godillo”. O 24 de xullo no Festigal a partir das 23:00 horas.

Máis información en:

www.santamacairo.net >>
www.myspace.com/santamacairoorkestar >>  
# Enlace permanente a esta nova



FESTIGAL 2010 (14-06-2010)

Cartaz do Festigal 2010O Festigal chega este ano 2010 á súa novena edición, concibido como unha alternativa aberta a todos públicos, pretende ser un escaparate para a proxección e intercambio cultural a través de diferentes propostas musicais e artísticas.

A estrutura da programación -que se mantivo en todas as edicións- busca dar cabida ao maior número posible de expresións artísticas. Pretende ser un referente na cultura propia de Galiza e unha oportunidade para o intercambio e coñecemento de outras culturas. Acolle artistas de orixe moi diversa e presta especial atención á comunicación cultural con países como Portugal ou Brasil -cos que existen especiais vencellos históricos, lingüísticos e culturais- e con outras realidades do noso entorno sociopolítico e xeográfico (Europa e norte de África).

A programación do Festigal esténdese ao longo de corenta e oito horas e combina as actuacións musicais con actividades literarias, debates, exposicións e proxeccións audiovisuais.

Tamén hai espazos para mostras de artesanía galega e asociacións ou diversión para cativos e familias.

Festigal en Facebook >>  
# Enlace permanente a esta nova



Programación do FESTIGAL 2010 (14-06-2010)

Sábado 24

23:00 h

Os Cuchufellos (Galiza)
Galegoz (Galiza)
Banda Potemkin (Galiza)
Santa Macairo Orkestar (Franza)


Domingo 25

22:00 h

Bellón Maceiras Quinteto (Galiza)
O´Questrada (Portugal)
Susana Seivane (Galiza)

Festigal en Facebook >>  
# Enlace permanente a esta nova



ASÍ FOI O FESTIGAL 2009 (03-08-2009)

Festigal 09Na oitava edición do Festigal os asistentes puideron desfrutar das actuacións musicais dos grupos Chamalle Xis, Os John Deeres, Som do Galpom, Dj Click Live, Descarga ao Vivo, Katembe Project e Os Tres Trebóns e Amighos, A Grande Treboada.

Ademais puidemos asistir a debates coma "A crise económica" ou "O dereito ao aborto" na Galería das Ideas, e ás xa tradicionais Galería do Software Libre, Galería das Letras coa presentación de novidades editoriais e a presenza de autores de actualidade, e a Galería da Cultura Tradicional, no seu segundo ano.

Tamén houbo café concertos, feiras, espazo de animación e como novidade desta edición, engadiuse o teatro á Galería Audiovisual, ademais do programa de curtametraxes e documentais; pero sobre todo houbo festa, moita festa.

Parabéns para todas as persoas que colaborastedes na organización e obrigado a todos os asistentes: "Grazas a tod@s!"

Se queres recordar o Festigal 09, visita a Galería de imaxes.

Ata o Festigal 2010 !

Galería de imaxes 09 >>  
# Enlace permanente a esta nova



Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008 · 2009 · 2010
By Abertal
  Colaboradores | Programación | Como chegar? | Ubicación | Guía
Novas | Ligazóns | Organización | Suxestións | Contacto | Edicións anteriores